Do 28 de maio ao 2 de xuño visitaránnos os parceiros internacionais do proxecto 'Grand-Treasures' no que Xandobela forma parte desde agosto do 2011.
O proxecto 'Grand Treasures', ao abeiro do programa 'Grundtvig' de Aprendizaxe Permanente da Comisión Europea, ten como obxectivo crear unha parcería de organizacións de Polonia, Grecia, Estonia, Portugal, Letonia e Galicia interesadas na preservación da historia oral e a promoción do diálogo interxeracional.
Este proxecto baséase na definición de 'Tesouros' desenvolvido pola UNESCO na Convención sobre Patrimonio Cultural Inmaterial -PCI- (2003), no que se determina como 'tesouros' a todas aquelas persoas de certa idade que viviron unha historia de vida significativa ou manteñen unha arte ou un coñecemento determinado e están abertas a compartilo coas xeracións futuras.
Dentro da parcería queremos intercambiar boas prácticas en torno a como identificar as historias, como recollelas, como conservalas, organizalas e sistematizalas e a forma de compartilas cun público máis amplo, pero sobre todo, queremos compartir, difundir e revalorizar as historias destes Tesouros nas nosas comunidades locais. Polo que tamén desenvolvemos proxectos de divulgación e didáctica do PCI a través do deseño e implementación de proxectos locais.
Logo de case dous anos, este será o último encontro internacional da parcería, no que Xandobela está a deseñar un completo programa de actividades: visitas de estudo á Aula de Teatro 'Ánxel Casal' do Concello de Arzúa na que daremos a coñecer o traballo desenvolvido co grupo das 'Nenas Grandes'; visitaremos tamén o Museo do Pobo Galego para coñecer as ferramentas didácticas para a difusión do PCI galego como exemplo de boas prácticas e ao Poboado Mineiro de Fontao-Minas da Brea para descubrir de primeira man o proxecto 'Happy Villages' no que están inmersos.
O encontro rematará por todo o alto coa visita aos XIV Encontros de Música Tradicional de Carboeiro o sábado 1 de xuño, no que se presentará a exposición 'Os nosos Tesouros' desenvolvida pola Asociación Santa Ferreña e na Xandobela colabora, co propósito de facer unha especial homenaxe aos 'tesouros' que levan participando nos Encontros nas súas catorce edicións.