En novembro iniciamos novo proxecto subvencionado polo programa europeo Erasmus+!
A misión de “BABEL” é desenvolver técnicas educativas innovadoras e de alta calidade para a difusión do patrimonio literario e oral: crear e avaliar técnicas innovadoras e desenvolver iniciativas para capacitar a profesionais do ámbito do patrimonio cultural, desenvolvemento comunitario e intervención cultural e socioeducativa, no emprego de metodoloxías propias da educación non formal ao servizo da difusión do patrimonio literario e oral europeo.
O noso punto de partida é concebir a filosofía e as estratexias propias da educación non formal como activos innovadores na difusión do patrimonio cultural, á marxe das estratexias proteccionistas e didácticas, moi necesarias pero amplamente experimentadas. Pretendemos traballar con técnicas das que as entidades socias son especialistas (Bibliotecas viventes, recollida de literatura oral tradicional e popular, o “cantastorie” e o teatro labirinto) e que fan do patrimonio literario e oral compoñentes culturais vivos, con forte vocación creativa, activa e participativa, que alimenten a idea de construción dunha cidadanía máis consciente, ubicada, crítica e activa.
Consecuentemente, as catro organizacións socias propoñemos unha estratexia de investigación-formación-acción para o desenvolvemento de técnicas educativas innovadoras na difusión do patrimonio literario e oral europeo, e que supón:
- Formación teórica e práctica ao longo de dous anos. Deseño, desenvolvemento e avaliación de iniciativas locais e transnacionais para o desenvolvemento de técnicas educativas innovadoras na difusión do patrimonio literario e oral europeo: será un proceso fortemente baseado na formación práctica, na experimentación en distintas realidades sociais e culturais, e na retroalimentación e avaliación constantes, garantindo a calidade e transferibilidade tanto das actividades como do produto intelectual.
- Investigación de campo e visitas de estudo. Identificación, análise e intercambio de boas prácticas.
- Froito deste proceso elaborarase e difundirase o produto intelectual “BABEL: guía práctica sobre técnicas educativas innovadoras para a difusión do patrimonio literario e oral”, unha complete guía en liña onde se xuntan todos estes contidos técnicos e procedimentais de xeito coherente, rigoroso, integral e didáctico, dirixida a persoas e organizacións que traballan en contextos sociais e culturais diversos no ámbito educativo e de difusión do patrimonio cultural inmaterial.
Tedes toda a información do proxecto na súa web: https://babelerasmusplus.weebly.com/ e tamén nas redes sociais.