A Asociación Itaca, Xandobela-Xestión e Dinamización Sociocultural e o Museo do Pobo Galego organizaron a primeira 'Biblioteca Vivente' en Compostela. O proxecto versa sobre unha novidosa metodoloxía para a dinamización e difusión participativa do coñecemento e a confrontación dos propios prexuízos a través do achegamento a outras realidades sociais e culturais. Nunha Biblioteca Vivente os libros son persoas que difunden a súa experiencia a través da interacción, entrevista e diálogo cos 'lectores/as'. Para ser un Libro non cómpre ser unha eminencia ou recoñecido estudoso, senón contar con experiencia vital ou saberes cos que poder ilustrar a outras persoas que descoñecen e teñen curiosidade.
A Biblioteca Vivente 'Tesouros Vellos para Xente Nova' tivo lugar no Museo do Pobo Galego o día 12 de decembro do 2013 ás 17:30 horas e buscou rachar cos prexuízos existentes en torno á tradición, desbotar a visión arcaica, rural e estática que se ten sobre a tradición e a cultura galegas, revalorizándoas e descubrindo as súas potencialidades.
Para conseguir estes obxectivos deseñouse un catálogo con oito Libros Vivos que nos ilustran sobre como a tradición se reinventa e percorre os tempos adaptándose a eles, para seguir formando parte da innovación e do contemporáneo. O tradicional como punto de partida ou como punto ao que retornar, forma parte das historias de vida de xentes novas e vellas que constitúen a literatura oral contida nesta Biblioteca.
O alumnado de Educación Primaria da USC participou como Lectores/as e puxéronse en contacto cos Libros Vivos para achegarse ás súas experiencias vitais e construír coñecemento dun xeito eminentemente directo, vivencial e participativo, a través do diálogo e o intercambio de experiencias.
Esta actuación enmárcase dentro do proxecto internacional 'Dialogue for Tomorrow', apoiado pola Comisión Europea a través do programa 'Grundtvig' de Aprendizaxe Permanente: é unha iniciativa baseada na experiencia e historia de vida dos nosos/as maiores e a aprendizaxe mutua entre xeracións, e busca traballar a promoción do diálogo interxeracional a través do desenvolvemento de actividades e o intercambio de boas prácticas. 'Dialogue for Tomorrow' vén desenvolvéndose desde agosto do ano pasado en parcería con organizacións polacas, estonas, eslovenas, austríacas e lituanas, e co asesoramento de Xandobela, entidade con dilatada experiencia no desenvolvemento e aplicación deste tipo de proxectos.