Comprácenos comunicarvos que hoxe recibimos a valoración final por parte do OAPEE, calificando de moi bo o informe final do proxecto Grand Treasures que rematamos o pasado mes de outubro.
'Grand Treasures' ou Grandes Tesouros é un proxecto que se enmarca dentro do programa europeo Grundtvig, como unha asociación de aprendizaxe a modo de parcería entre distintas entidades de Polonia, Grecia, Letonia, Galicia, Portugal e Estonia. Durante 2 anos, os parceiros intercambiamos experiencias, aproveitando encontros internacionais para coñecer a realidade local de cada entidade e creando propostas conxuntas.
Neste proxecto, os Grandes Tesouros non son cofres cheos de moedas de ouro, son algo moito máis valioso: a experiencia das persoas que nos transmiten a través de narracións, imaxes, sons... E con eses Grandes Tesouros, técense diferentes actividades que garantan a transmisión de tan incrible legado, para que as vindeiras xeracións reciban os Grandes Tesouros. Actividades que buscan traballar na preservación da historia oral, a promoción do diálogo interxeracional, o intercambio de boas prácticas e a posta en valor dos Grandes Tesouros Vivos do patrimonio cultural inmaterial de cada un dos países.
Este proxecto baséase na definición de 'Tesouros' desenvolvido pola UNESCO na Convención sobre Patrimonio Cultural Inmaterial -PCI- (2003), no que se determina como 'tesouros' a todas aquelas persoas de certa idade que viviron unha historia de vida significativa ou manteñen unha arte ou un coñecemento determinado e están abertas a compartilo coas xeracións futuras.
Dentro da parcería queremos intercambiar boas prácticas en torno a como identificar as historias, como recollelas, como conservalas, organizalas e sistematizalas e a forma de compartilas cun público máis amplo, pero sobre todo, queremos compartir, difundir e revalorizar as historias destes Tesouros nas nosas comunidades locais. Polo que tamén desenvolvemos proxectos de divulgación e didáctica do PCI a través do deseño e implementación de proxectos locais.
Logo destes dous anos puidemos coñecer de primeira man o traballo desenvolvido polas entidades dos diferentres países socios, así como as súas realidades locais, e colaboramos no desenvolvemento de inviativas que responderan aos obxectivos do proxecto. Un dos resultados deste traballo en rede é esta pequena guía con Instrucións breves sobre como prepararse para a entrevista coa testemuña ocular, como facer unha entrevista en si: o que ter presente, como comportarse, que o uso do equipo, etc. Tamén describe as ideas de que facer coa gravación, como para procesalo, como arquivalo. O manual desenvolveuno o socio máis experimentado nesta parcería, o socio grego, e foi a base para os socios do proxecto para traballar coa historia oral durante as actividades locais. http://grandtreasures.webnode.
Durante estes dous anos de traballo fomos atopándonos con Grandes Tesouros Vivos nos diferentes países, polo que tamén quixemos compartir coa comunidade estes tesouros atopados a través de pequenos videos que vos mostramos neste arquivo en liña: http://grandtreasures.webnode.
Tamén tivemos a oportunidade de desenvolver iniciativas locais tentando aportar o noso gran de area na relidade galega:
- Colaboramos coa Aula de Teatro " Ánxel Casal " de Arzúa na elaboración dunha exposición retrospectiva da historia da mesma. A Aula de Teatro " Ánxel Casal " de Arzúa naceu para promover o teatro nesta vila rural e que desde hai case 15 anos vén ensaiando e realizando diferentes actividades para a comunidade. A Aula de Teatro " Ánxel Casal " de Arzúa sempre procurou a mistura de xeracións no escenario e recuperar a memoria histórica a través das súas propostas escénicas. Como unha celebración do pasado e presente, preparouse unha exposición retrospectiva como celebración local do día Internacional de Teatro de 2013. A exposición consistiu en imaxes e paneis que recuperan a historia da Aula desde o seu primeiros pasos, atrezzo, textos de teatro e outros elementos importantes, ademais dun programa de encontros interxeracionais de teatro.
-Colaboramos coa Asociación Intercultural Santa Ferreña dos Encontros de Música Tradicional na elaboración da exposición audiovisual 'Os Nosos Tesouros' que pretende poñer en valor, homenaxear aos Grandes Tesouros Vivos que levan participando nos Encontros de Música Tradicional de Carboeiro ao longo dos seus catorce anos de historia, ao tempo que se fai fincapé na importancia da transmisión xeracional dos coñecementos, saberes e experiencias vitais para a súa conservación e revalorización.
A exposición contou con dous apartados 'xeográficos': parte galega, centrada na posta en valor dos Grandes Tesouros (GT) dos Encontros como representantes do PCI (Patrimonio cultural e inmaterial) galego; parte dos parceiros europeos, que simbolizou a 'universalidade' do PCI e dos GT. Ver fotografías da exposición 'Os Nosos Tesouros'
-Recompilación de Arquivos Dixitais galegos centrados e PCI
Xa no comezo vimos a necesidade de facer unha análise do que había en Galicia neste eido, e un dos principais problemas que nos atopamos foi a ausencia dalgún espazo onde se compilaran as numerosas iniciativas existentes. Por iso pensamos que o traballo que fixemos nestes 2 anos ben podería ser de utilidade para outras persoas e entidades que no futuro quixeran indagar polo rico e variado mundo dos arquivos dixitais, proxectos de patrimonio inmaterial e máis cousiñas interesantes que fomos atopando. Aquí o resultado: agardamos que vos preste e que se sabedes de algo que debería estar nesta recompilación, por favor nolo fagades chegar ao noso correo electrónico. Ler máis: http://
Para saber máis entra na web do proxecto: http://grandtreasures.webnode.cz/