Xandobela é a terceira persoa do singular do verbo Xandobelar, unha palabra collida da xerga dos canteiros que significa xogar. As habitantes desta casa e cociñeiras deste proxecto convidamos a xandobelar a grandes e pequenas, porque para nós o xogo é unha actitude fundamental nas persoas, unha marabillosa ferramenta que nos permite educar, compartir, cooperar, coñecer, construir, crear, soñar, descubrir, experimentar... desde a alegría e o divertimento. En Xandobela todo é xogo, e xogando é como aprendemos e construímos.
Xandobela é unha iniciativa de Educación Non-Formal e Dinamización Sociocultural nada no 2005 en Compostela, con vocación universal radicada na realidade galega. Traballamos os vellos eidos da cultura e da relación entre as persoas, favorecendo a actitude integradora, creativa e lúdica. Somos persoas educadas no asociacionismo galego, con experiencia no traballo sociocultural voluntario en distintos colectivos e programas e con ampla formación en Pedagoxía, Educación Social, Animación Sociocultural e Dirección de Actividades de Lecer e Tempo Libre.