Logo da boa acollida das tres edicións pasadas da Biblioteca Vivente “Tesouros vellos para xente nova” celebradas nos anos 2013, 2016 e 2018, Xandobela | Educación e Cultura e o Museo do Pobo Galego organizan a primeira edición da Biblioteca Vivente “Lévedo lilá”, nesta ocasión co apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña, a través da convocatoria de proxectos singulares de especial interese cultural, e do proxecto Muses, cofinanciado polo Programa Erasmus Plus da Unión Europea.
O proxecto versa sobre unha novidosa metodoloxía para a dinamización e difusión participativa do coñecemento e a confrontación dos propios prexuízos a través do achegamento a outras realidades sociais e culturais. Nunha Biblioteca Vivente os libros son persoas que difunden a súa experiencia a través da interacción, entrevista e diálogo cos 'lectores/as'. Para ser un Libro non cómpre ser unha eminencia ou recoñecido estudoso, senón contar con experiencia vital ou saberes cos que poder ilustrar a outras persoas que os descoñecen e teñen curiosidade.
A Biblioteca Vivente “Lévedo lilá” terá lugar no Museo do Pobo Galego o día xoves 17 de febreiro ás 17:30 horas e busca difundir e transmitir a cultura galega, confrontando os prexuízos existentes en torno a ela e rachando ao mesmo tempo estereotipos sexistas, a través do diálogo directo con persoas, os chamados Libros vivos, que representan exemplos de boas prácticas e experiencias innovadoras no ámbito da cultura con perspectiva de xénero: referentes da cultura e das artes galegas que superan os estereotipos por razón de xénero, que os cuestionan de xeito explícito, que deixan pouso, que espertan a curiosidade, o interese e alentan a reflexión. Que supoñan, en definitiva, un lévedo, unha inspiración para poder facer unha lectura da cultura e da sociedade con lentes lilas e construír un relato fundamentado na igualdade e na equidade.
Para conseguir estes obxectivos deseñamos un catálogo con seis Libros Vivos cos que os lectores e lectoras dialogarán para achegarse ás súas experiencias vitais e construír coñecemento dun xeito eminentemente directo, vivencial e participativo, a través do diálogo e o intercambio de experiencias. Cada lector ou lectora poderá dialogar con tres Libros Vivos escollidos previamente ou o mesmo día de celebración da Biblioteca Vivente.
Se desexas participar na Biblioteca Vivente tan só tes que enviar un correo electrónico a info@xandobela.info antes do mércores 16 de febreiro e mandarémosche as instrucións para a selección de lecturas