Xandobela (Galicia), La Corte della Carta (Italia) e A APDP – Associação Para o Desenvolvimento de Pitões (Portugal) coordinamos o proxecto cofinanciado pola programa europeo Erasmus+ desde o mes de abril.
Podedes seguir os avances do proxecto na súa páxina web pinchando aquí.
Este proxecto é unha asociación estratéxica no ámbito da xuventude financiado polo programa Erasmus+ desde abril do 2018 a novembro do 2019, co que pretendemos experimentar, crear e difundir novas metodoloxías para promover a lectura entre adolescentes desde a educación non formal.
Parte da convicción de que as propostas de promoción da lectura xuvenil actuais teñen que asumir o reto de promover novos escenarios e espazos de expresión, renovadas canles de participación e diálogo, nos que as adolescentes poidan desenvolver e compartir gustos, inquietudes e currículum literario.
Para conseguir este obxectivo deseñamos unha estratexia de 20 meses na que profesionais da promoción da lectura e dinamización da literatura no ámbito da mocidade, procedentes de tres países, pero con experiencia previa en cooperación transnacional, intercambiaremos boas prácticas, experimentaremos con novos métodos e analizaremos tanto a literatura para mocidade como as actividades de promoción da lectura no ámbito da educación non formal que en Europa se estean levando a cabo con éxito.
A cuestión metodolóxica será abordada desde 3 perspectivas: a) métodos e estratexias creativas e artísticas; b) gamificación e estratexias lúdicas; c) investigación social relacionada coa tradición oral e historia local.
A cuestión do repertorio literario xuvenil abordarase especialmente a través dun club de lectura virtual entre traballadoras do ámbito da xuventude e promoción lectora.
Non obstante, a actividade que dá sentido ao proxecto é a mobilidade "A Europa moza le e crea", na que un total de 21 adolescentes procedentes dos 3 países e 7 profesionais da promoción da lectura xuvenil, compartirán 7 días de convivencia en Galicia. Concíbese como un laboratorio no que as socias do proxecto teremos a oportunidade de testar as actividades, métodos e recursos creados, en contextos e con destinatarios diferentes aos locais, para determinar si son ou non válidos e transferibles, xa que serán exhaustivamente avaliados polos mozos/as participantes.
Froito deste proceso, elaboraremos unha guía con recomendacións metodolóxicas e prácticas destinada a profesionais do ámbito da mocidade que contemplen a lectura como ferramenta para o desempeño das súas funcións.