Logo de vinte meses de intensa e rica parcería, o proxecto “Reading and non-formal education_ACNE”, subvencionado pola Unión Europea a través do programa Erasmus +, rematou o pasado mes de novembro. Non temos máis que boas sensacións e unha enorme satisfacción co traballo desenvolvido e cos resultados obtidos.
A harmonía do traballo en rede con La Corte della Carta (Italia) e a APDP – Associação Para o Desenvolvimento de Pitões (Portugal), fixo que a función de coordinación desenvolvida por Xandobela fose sinxela e moi estimulante. Tamén a cooperación coas organizacións socias de ámbito local nos tres países foi moi rica e da que estamos enormemente agradecidas. E que falar dos grupos de mozas e mozos que fixeron parte do proxecto: unha auténtica marabilla!
Foron vinte meses intensos de cooperación transnacional, nos que experimentamos con numerosas técnicas creativas, artísticas e lúdicas arredor da lectura e literatura xuvenil, nos que argallamos unha chea de actividades distintas, nos que devoramos os best-seller xuvenís con actitude curiosa e vocación crítica, nos que compartimos inquietudes, reflexións e desexos con mozas e mozos arredor da literatura e das propostas de creatividade e participación xuvenil en torno a ela, falamos tamén con profesionais da promoción lectora para coñecer de primeira man exemplos de boas prácticas... Tantas cousas!
Pero o maior e máis ilusionante resultado do proxecto foi a creación do grupo internacional de mozas e mozos que participou no intercambio xuvenil do mes de setembro en Galicia: 21 adolescentes de Italia, Portugal e Galicia, cunhas ganas contaxiosas de participar, de crear, de compartir, de aprender, de medrar... Os grupos locais continuarán desenvolvendo actividades á marxe do proxecto; ACNE tamén foi motor para crear novos Grupos de Lectura; e, por suposto, xurdiron propostas para seguir explorando a cooperación transnacional e darlle pulo á súa participación xuvenil con perspectiva crítica, creativa e proactiva.
Tedes aquí os vídeos que Seimeira tan ben gravou e editou con algunhas reflexións que as mozas e mozos compartiron con nós durante o intercambio xuvenil sobre a literatura e lectura xuvenil:
https://readingandnoformaleducation.weebly.com/viacutedeos.html
E aquí o “Manifesto para unha paixón”: conclusións sobre que, onde, por que le a mocidade hoxendía, e breves recomendacións para a promoción da lectura xuvenil. “Manifesto para unha paixón” é froito de numerosas dinámicas e actividades desenvolvidas no marco do intercambio xuvenil e procura ser unha síntese de todas as achegas dadas polas mozas e mozos participantes.
https://readingandnoformaleducation.weebly.com/tips.html
Se queredes saber máis do intercambio xuvenil “O Europa moza le e crea”:
https://readingandnoformaleducation.weebly.com/intercambio.html
Se queredes saber máis do noso club de lectura virtual:
https://readingandnoformaleducation.weebly.com/club-de-lectura.html
Se queredes saber máis das iniciativas locais desenvolvidas:
https://readingandnoformaleducation.weebly.com/actividades-locales.html
Se queredes saber máis das reunións transnacionais realizadas:
https://readingandnoformaleducation.weebly.com/reuniones-transnacionales.html
Se queredes saber máis das entrevistas a profesionais da promoción da lectura xuvenil:
https://readingandnoformaleducation.weebly.com/entrevistas.html
A polo seguinte! :-D